top of page

🧡 Ao seu ritmo: cando a paciencia tamén educa

ree



Outubro adoita traer consigo a sensación de que “xa deberiamos estar adaptados”. As rutinas do cole, os horarios, as actividades… todo parece ir collendo forma. E, con todo, en moitas casas e familias seguen existindo mañás con bágoas, tardes de cansazo ou pequechos que aínda dubidan, reclaman ou se resisten.


E entón aparece a impaciencia. Esa voceciña que di: “xa debería poder”, “aínda non o consegue”, “algo estou facendo mal”.


A Disciplina Positiva recórdanos algo esencial: cada neno e nena ten o seu propio ritmo. Acompañar non é acelerar, senón soster ese proceso con presenza, amabilidade e firmeza.



🧠 O que pasa no cerebro cando “aínda non poden”


O desenvolvemento cerebral non ocorre igual en todos os nenos e nenas. A cortiza prefrontal, encargada da planificación, da atención e da autorregulación, desenvólvese de forma moi desigual e continúa facéndoo ata ben entrada a xuventude.


Por iso, comparar ou forzar ritmos non só non axuda, senón que pode xerar máis estrés. Cando o cerebro infantil percibe esixencia ou desaprobación, actívase a amígdala, que dispara respostas de defensa (choro, bloqueo, rabia…).


Pola contra, cando senten calma, confianza e ánimo, o sistema nervioso reláxase e actívase a aprendizaxe real. A paciencia adulta convértese, literalmente, nunha ponte de regulación para o seu cerebro.



🌱 A mirada da Disciplina Positiva


A Disciplina Positiva fala de amabilidade e firmeza ao mesmo tempo:


  • Amabilidade para comprender o proceso.

  • Firmeza para ofrecer estrutura e límites claros.


Non se trata de deixar que fagan o que queiran nin de sobreprotexelos, senón de confiar nas súas capacidades sen renderse.


Amabilidade é dicir: “Vexo que che custa separarte, e entendo que che dea medo.”

Firmeza é engadir: “E aínda así, sei que podes facelo. Aquí está a túa profe, e eu voltarei a buscarte.”


A paciencia non é pasividade. É confianza activa: estar, acompañar, soster e seguir crendo aínda que os resultados tarden.



✨ Ideas prácticas para cultivar a paciencia


🔸Observa os pequenos avances. Ás veces o progreso non é visible, pero existe. “Hoxe tardaches menos en entrar”, “hoxe sorriches ao ver á túa amiga.”


🔸Evita as comparacións. Cada peque ten o seu propio reloxo interno, e a diferenza de meses entre compis nótase moito nos primeiros anos escolares. As comparacións só xeran presión e culpa, non motivación.


🔸Modela a paciencia. Se ti respiras e esperas, o teu peque aprende que esperar tamén é unha habilidade que se pode adquirir.


🔸Dá tempos de descanso. Adaptarse cansa. O xogo libre, o silencio e o non facer nada tamén axudan a procesar os cambios.


🔸Valida e anima. “Sei que é difícil, e confío en ti.” O ánimo reforza a confianza máis que calquera premio. Céntrate no proceso.



🌷 E para ti, que acompañas


Ás veces, acompañar ao seu ritmo tamén nos enfronta cos nosos propios ritmos como persoas adultas: a presa, as expectativas, o cansazo...


Pode que te descubras desexando que xa o consiga, que xa durma, que xa entre sen chorar, que xa obedeza sen protestar. E iso tamén é humano.


Lembra: a paciencia non se trata de non sentir presa, senón de autorregularse e non deixar que eses momentos decidan por ti.


Cada vez que escolles esperar con calma, soster sen renderte ou confiar un pouco máis, estás ensinando a lección máis importante: que medrar leva tempo. Que os procesos son valiosos. Que o amor non ten présa.


✨ Un recordatorio suave:

A infancia non precisa correr. Só precisa acompañamento, mirada e confianza.


E ti tamén estás medrando ao teu ritmo.


Como levades a adaptación aos ritmos na casa? Lémovos con moito agarimo. 🌻

 
 
 

Comments


Rúa Angel Llanos, 14

Coia, 36209 Vigo, Pontevedra

886 30 98 56

  • instagram-new (1)
  • twitterx--v2

Horario

De luns a venres:

De 10:00 a 14:00

e as 15:30 h. ás 19:30 h.

Sábado:

Contacontos ao aire libre gratuíto | 11:30

Firma-logos-MAIV-2025-24-25-blanco.png

© 2025 Creado por el Programa de Empleo MAIV Garantía Xuvenil 2024

Esta empresa foi beneficiaria das Axudas do Programa EMEGA:
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea co obxectivo de fomentar o emprendemento feminino en Galicia

bottom of page