top of page

😤 Frustración (ou cando todo tórcese e queremos gritar)

ree



Xa sabes por experiencia que hai días (ou semanas enteiras) nos que parece que nada sae como esperabamos. Os plans caen, os teus pequenos non colaboran, estamos cansas, e sentimos como a frustración sobe coma unha onda que nos arrastra. E si, ás veces levantamos a voz ou berramos. Ás veces respondemos mal. Ás veces queremos saír correndo.


A frustración é esa emoción tan incómoda que aparece cando algo que queremos ou agardamos non sucede, cando algo non flúe, cando as cousas se resisten. E é totalmente humana, natural… e educativa. Para as crianzas e tamén para as persoas adultas.


No verán, cos ritmos cambiados, o calor, a sobreexposición familiar e a falta de espazos persoais, a frustración aparece máis a miúdo e con máis intensidade.

E aquí é onde a Disciplina Positiva nos ofrece unha guía, unha especie de compás.



🧠 A frustración non é o problema, é o aviso


A frustración non é mala nin debemos evitala. É un sinal do corpo que nos está dicindo que algo non está a funcionar, que hai unha expectativa non cumprida, unha necesidade non atendida. No caso da infancia, pode ser tan simple (e tan importante) como fame, sono ou desexo de atención. No noso caso, soe ser sobrecarga, cansazo, sensación de falta de control ou soidade emocional.


E hai algo clave que ás veces esquecemos como adultas: o cerebro infantil aínda non ten desenvolvidas as habilidades para regular a frustración.

A zona encargada de xestionar as emocións intensas, de autocontrolar os impulsos propios e de pensar con lóxica chámase corteza prefrontal, e está en pleno desenvolvemento ata ben entrada a adolescencia. Por iso, cando un neno ou nena se frustra, reacciona desde a emoción pura, non desde a razón.


É como se o seu cerebro dixese: “Isto é demasiado para min, preciso axuda externa para calmarme”. E esa axuda somos nós: coa nosa presenza, con palabras que validen, con límites firmes e con calma (aínda que ás veces nos custe moito atopala).


Non necesitamos apagar a frustración. Evitar que a túa crianza atravesase ou experimente emocións como a tristeza ou a rabia, que adoitan ir ligadas á frustración, non lle fai ningún favor. Necesitamos escoitala, sostela, e ensinar co exemplo como se atravesa. Unha e outra vez, con paciencia, con humanidade… e con moito amor.



🌿 Algunhas claves para cando a frustración te visita (a ti ou ás túas crianzas):


Baixa o volume ao xuízo. Non é “un neno insoportable” nin “unha nai histérica”. É unha emoción demasiado grande nun corpo demasiado pequeno. Ou nun corpo adulto, completamente desbordado.


Pon nome e dá permiso. "Estou frustrada", "Vexo que te sentes frustrado". Só con iso, validando a situación, xa baixa a intensidade emocional. Dar linguaxe é dar poder.


Respira. Literalmente. Unha exhalación lenta, un pestanexo consciente. Algo físico que te traia ao presente. Non o soluciona todo, pero dá espazo. Conecta coa presenza.


Non precisas reaccionar xa. Podes dicir: “Agora mesmo preciso un intre, logo falamos disto”. Pausar tamén é educar. Lembra que somos modelos que se imitan.


Despois, conecta. Tras a treboada, vén a aprendizaxe. Cando volva a calma, podes dicir: “Estabas moi frustrado porque querías seguir xogando. Que podemos facer a próxima vez?”. É aí onde se constrúen ferramentas reais.



🪞 Unha nota para ti, que acompañas (tamén no medio da frustración)


A túa crianza aínda non ten un cerebro maduro que lle permita xestionar todas as emocións que sente. E aí entras ti. Non para ter todas as respostas, nin para facelo perfecto. Estás aí para ser esa calma prestada cando a súa treboada é demasiado.

Non sempre o conseguirás. Porque ti tamén es humana. Tes emocións, cansazo, historia, feridas, responsabilidades. Pero aínda así, cada vez que decides respirar no canto de berrar, acompañar no canto de controlar, estás modelando algo enorme.


Acompañar a frustración doutra persoa (sobre todo se é pequeniña) non é fácil nin natural. Require traballo interno, práctica, paciencia… e moita compaixón cara a ti mesma/o.

Así que se hoxe te frustraches ti, se non puideches máis, se respondiches con ese ton que logo pesa: non estás soa, non estás só. Podes reparar. Podes pedir perdón. Podes explicarlle o que che pasou e como estás a intentar facelo doutro xeito.Iso tamén é educar. Iso é o que máis ensina na infancia.


A próxima vez que a túa crianza se frustre, lembra: non che necesita perfecta, necesita que esteas presente.E lembra que ti tamén precisas coidado, espazo, apoio e permiso para aprender da túa propia frustración.



💬 E na túa casa, como se vive a frustración ultimamente?


Tes algunha ferramenta que che axude a xestionala? Ou sentes que estás no medio dunha etapa na que todo frustra a todos e cada día é unha costa arriba infinita?Léemoste nos comentarios. 💛

 
 
 

Comments


Rúa Angel Llanos, 14

Coia, 36209 Vigo, Pontevedra

886 30 98 56

  • instagram-new (1)
  • twitterx--v2

Horario

De luns a venres:

De 10:00 a 14:00

e as 15:30 h. ás 19:30 h.

Sábado:

Contacontos ao aire libre gratuíto | 11:30

Firma-logos-MAIV-2025-24-25-blanco.png

© 2025 Creado por el Programa de Empleo MAIV Garantía Xuvenil 2024

bottom of page