✨ O poder do alento: sementar confianza, non perfección
- Mi Rincón Favorito
- Aug 4
- 3 min read

Hai nenos e nenas que se esforzan en silencio. Que non alzan a voz, que non fan “ruído”, pero tampouco cren neles mesmos nin nas súas capacidades.
E hai outros e outras que si fan ese ruído. Que se frustran, que se renden axiña, que din “non podo” antes mesmo de intentalo.
Detrás desas actitudes hai algo en común: unha necesidade profunda de alento.
Na Disciplina Positiva, o alento non é louvar todo o que fan. É moito máis que dicir “Moi ben!” ou “Que listo es!”. É mirar con ollos que ven o esforzo, nomear a constancia, validar o valor de equivocarse, e facerlles sentir que valen máis alá dos resultados.
🌱 Por que é tan importante o alento na infancia?
Porque os nenos e nenas están formando non só habilidades, senón unha idea propia de quen son. E esa voz interior que desenvolven… moitas veces nace de como lles falamos as persoas adultas do seu entorno máis próximo.
🧠 A neurociencia ensínanos que o cerebro infantil se moldea coa experiencia, como xa vimos en publicacións anteriores neste blog. Cando unha nena ou un neno se sente vista, valorada e aceptada tal como é, desenvolve moita máis confianza, resiliencia e motivación.
O alento, no canto do xuízo, fortalece a autoestima sen xerar dependencia externa.
💬 Alentar non é louvar. É confiar.
🔸 Louvar céntrase sobre todo no resultado: “Que debuxo tan bonito!”
🔸 Alentar céntrase, en cambio, no proceso: “Usaches moitas cores, que creativo!”
🔸 Louvar pode crear medo a fallar: “Sempre sacas sobresalientes, es o mellor.”
🔸 Alentar fomenta a constancia: “Nótase que te esforzaches moito neste traballo.”
🔸 Louvar premia a obediencia: “Que ben, recolliche todo sen que cho dixera.”
🔸 Alentar promove a autonomía: “Grazas por axudar a recoller na casa. Fixéchelo por ti e polos demais.”
O alento non infla o ego, senón que constrúe o carácter. Non crea nenos ou nenas que buscan aprobación, senón cativos que si cren neles mesmos, sen necesidade de validación externa.
🪴 Frases que nutren dende o alento
💛 “Esforzácheste moito, aínda que foi difícil.”
💛 “Confío en ti.”
💛 “Podes equivocarte, estou aquí para axudarche.”
💛 “Dícheste conta do que lograches?”
💛 “A túa opinión é importante.”
💛 “Nótote concentrada, segue así.”
💛 “Grazas por seres ti.”
🌼 Unha semente que florece a longo prazo
Educar con alento é sementar nos nosos fillos e fillas unha voz interior que os acompañará toda a vida. Unha voz que sexa amable, que crea neles e nelas.
Unha voz que diga:
🌟 “Son capaz.”
🌟 “Non teño que ser perfecta para ser valiosa.”
🌟 “Podo aprender.”
🌟 “Merezo amor aínda que me equivoque.”
Estas frases son a esencia da Disciplina Positiva. Non se trata de moldear nenos “bos”, senón nenas que crean en si mesmas e saiban como levantarse se caen.
🫶 E ti, que acompañas: como te falas a ti?
Porque ás veces custa alentar se nunca nos alentaron, se non sabemos ben como temos que facelo. Porque ti tamén estás aprendendo cada día algo novo. Porque esa voz suave que usas co teu peque, podes comezar a usala contigo.
🌙 “Hoxe fixeno o mellor que puiden.”
🌿 “Estou medrando e aprendendo.”
☕ “Mereço falarme con agarimo.”
💬 E ti? Que frases usas para alentar na casa? Custouche ao principio deixar atrás os eloxios e comezar a mirar o proceso?
Lémoste con moito agarimo, coma sempre 🌷





Comments