🌼 Volta ao cole: acompañar dende a Disciplina Positiva
- Mi Rincón Favorito
- Sep 1
- 3 min read

A volta ao cole ou o comezo da escola infantil é un momento cargado de emocións intensas. Para algunhas familias supón alivio, ilusión, ganas de reencontrarse con amigos e amigas. Para outras, aparecen medos, nervios e dúbidas: “Adaptarase ben?”, “como levará a separación?”, “e se chora?”. E, o máis común, é que nun mesmo fogar convivan todas esas emocións mesturadas.
A Disciplina Positiva recórdanos que todas as emocións son válidas. O medo, a ledicia, a resistencia ou a ilusión forman parte deste proceso. Poñerlles nome e permitir que estean presentes é o primeiro paso para acompañar con respecto.
🧠 Que pasa no cerebro infantil?
O cerebro dos nenos e nenas aínda está en pleno desenvolvemento, como xa sabemos de entradas anteriores deste blog. A cortiza prefrontal —a parte encargada de regular, organizar e dar perspectiva— aínda non está madura (e non o estará ata ben entrada a súa vintena). Por iso, os cambios de contorno (como empezar o cole ou volver ás rutinas) poden sentirse enormes.
A amígdala, que xestiona a alarma emocional, actívase con forza: de aí os prantos, a resistencia ou os “non quero ir”. Isto non significa que non poidan con iso, senón que necesitan unha persoa adulta que sosteña e dea seguridade ás súas emocións mentres o seu sistema nervioso aprende a adaptarse e regularse por si mesmo.
🌱 Acompañar con amabilidade e firmeza
Acompañar non é quitar o medo nin esixir que estean felices de inmediato. É ofrecer un refuxio emocional desde o que poidan avanzar pouco a pouco.
Algunhas ideas prácticas:
🔸Poñer nome ao que senten:
“Vexo que che dá medo separarte de mamá ou papá. É normal, compréndote porque a min tamén me custa ás veces probar experiencias novas.”
🔸Rituais de despedida:
Unha aperta especial, unha canción curta, unha frase que sempre se repite. Iso dá previsibilidade e calma. Podedes comezar co ritual compartido durante os días previos á volta.
🔸Pequenas decisións:
Escoller que camiseta poñer, se levar un xoguete pequeno de transición… pequenas eleccións dan sensación de control e pertenza. Involucrar nas decisións fai que estean máis dispoñibles nas rutinas.
🔸Validar e alentar:
“Sei que é difícil, e confío en que pouco a pouco o conseguirás.” O alento transmite esperanza sen negar a dificultade. Reforza o esforzo do proceso e non premia só os resultados finais.
🌼 A confianza como raíz
Cada inicio de curso séntese nas familias como sementar unha semente: non vemos a árbore de inmediato, pero cada xesto regaa, e cada día segue medrando pouco a pouco.
🌱 Confía no teu peque 👉ten recursos e ferramentas que irá despregando paso a paso.🌱 Confía na escola 👉que será un espazo de coidado, con profesionais que tamén acompañan co corazón.
🌱 Confía en ti 👉porque aínda que sintas medo, dúbidas ou cansazo, es a súa base segura.
A confianza é a ponte invisible que calma medos e multiplica a ilusión. Non evita as bágoas, pero lembra ao neno ou nena que nunca está só ou soa neste camiño.
🌷 E tamén para ti, que acompañas
A volta ao cole non só é unha transición importante para os nenos e nenas, tamén para as familias. É normal que te invadan as dúbidas, que sintas un belisco ao soltarlle a man na porta ou que te preguntes se o estás facendo ben.
Un recordatorio suave:
Non precisas ter todas as respostas.
Non tes que facelo perfecto.
A túa presenza, a túa mirada e a túa confianza son suficientes.
Acompañar non significa evitar que sintan todas esas emocións desagradables, senón estar dispoñible para reconectar consigo mesmos e coas emocións agradables cada vez que o necesiten.
✨ Este setembro, lembra: non se trata de que a adaptación ou vinculación ao cole sexa perfecta, senón de camiñar da man, en equipo, con amabilidade, firmeza e confianza.
💬 Como estades vivindo na casa este novo inicio de curso? Hai máis ilusión, máis medo, un pouco de todo? Lémosvos con cariño 🌻





Comments