🌱 Como afrontar o final do curso con calma e conexión familiar?
- Mi Rincón Favorito
- Jun 16
- 3 min read

O final de curso xa está aquí outro ano máis, e con el, unha mestura enorme de emocións: cansanzo acumulado, ilusión polo verán, nervios polos últimos exames ou polos cambios que se achegan, mesmo tristeza polas despedidas difíciles. Non só afecta ás crianzas na casa, tamén a quen as acompañamos no seu crecemento diario.
Desde a Disciplina Positiva, propoñémosche algo: mira este momento non como unha carreira final, senón como unha oportunidade para pechar o curso con agarimo, calma e aprendizaxe mutua.
🧠 Que pasa no cerebro infantil ao final de curso?
Durante estas últimas semanas, o cerebro infantil está a reorganizar moita información emocional e cognitiva: despedidas, avaliacións, rutinas que se rompen... todo isto activa zonas do cerebro como a amígdala (que detecta cambios e perigos) e fai que estean máis sensibles, se note máis o cansanzo ou incluso estean un pouco máis irritables. Non é falta de ganas: están a intentar comprender o mundo coas ferramentas que teñen.
Lembra: o mellor que podes facer é non tomar como algo persoal os seus comportamentos.
✨ Recoñecer o camiño percorrido
Antes de correr cara ao que vén, imos parar un momento e celebrar o andado. Podemos preguntar, por exemplo: “Que foi o máis bonito que viviches este curso?” ou “Que aprendiches de ti este ano?” Estas preguntas poden abrir un espazo de conversa fermoso en familia. Tamén podes compartir reflexións propias para iniciar o diálogo, e que esas preguntas poidan vir de volta: “O que aprendín de ti como mamá este curso…” ou “A papá custoulle un pouco este ano, pero mellorei moito en…” Poñer o foco nos logros emocionais e no esforzo realizado, máis alá das notas, axúdalles a construír unha imaxe positiva de si mesmos.
🌞 Transición cara ao verán con suavidade
O cerebro humano adora a rutina porque lle dá seguridade. Por iso, cando remata o cole, pode haber certa desregulación. Falar do verán con antelación, decidir xuntos que actividades novas ides facer ou que rutinas poden vir mellor, axuda a que sintan que forman parte e que se teñen en conta tanto os seus gustos como as súas necesidades, aumentando así o compromiso con estas novas rutinas. Sentiranse como se aínda tivesen un mapa ou unha guía, aínda que cambie a paisaxe.
💬 Validar as emocións
Ledicia, nostalxia, frustración, orgullo... todo cabe nun final de curso. Non fai falla resolvelo todo nin evitar que se sintan dunha forma concreta, só estar dispoñibles para que poidan expresarse libremente, sen xuízos. Acompañar con respecto significa entender que non existen emocións boas ou malas, senón agradables ou desagradables, e que todas elas é importante sentilas a través do corpo. Podes dicir: “É normal sentir cousas distintas cando algo remata. E estou aquí para acompañarte en todas.” Esa presenza emocional é o mellor agasallo que lles podemos facer.
🌿 Unha nota para ti, que acompañas
O final de curso tamén te atravesa a ti, que sostés as súas emocións cada día. Ás veces chegamos esgotadas, facendo auténticos malabares entre tarefas, traballo e organización diaria. Respira de forma consciente un par de veces. Permítete un momento de calma. Non fai falla facelo perfecto. De feito, é imposible chegar a todo a maior parte do tempo. Amosar a túa vulnerabilidade con serenidade tamén é unha forma de educar e de ser ese espello no que se ven reflectidas. A Disciplina Positiva comeza por tratármonos co mesmo respecto que queremos ofrecer a quen medra ao noso carón. Coida tamén de ti.
Commentaires