✨ Expectativas, Disciplina Positiva e a primeira semana de cole
- Mi Rincón Favorito
- Sep 8
- 3 min read

A primeira semana de cole (ou de escola infantil) adoita chegar cargada de ilusión, nervios e moitísimas expectativas en todas as casas.
As familias imaxinamos como será: a mochila preparada, unha entrada fluída, reencontros alegres, apertas, fotos bonitas. E aínda que ás veces sucede así, moitas outras atopámonos con bágoas, “non quero ir”, cansazo, enfados ou silencios.
E entón aparece a pregunta: Estou facendo algo mal?
Aquí é onde a Disciplina Positiva pode darnos un respiro, lembrándonos que a adaptación ou vinculación non é un exame, é un proceso.
🌼 De onde nacen as nosas expectativas (e por que non cadran coas súas)
Como persoas adultas, adoito construír as nosas expectativas desde a nosa propia lóxica, a nosa experiencia e as nosas necesidades. Pensamos en horarios, organización, rendemento, conciliación. Soñamos con que o primeiro día de cole sexa bonito, rápido, sen bágoas, case como nunha postal.
Pero os nenos e nenas non viven desde esa mesma lóxica adulta:
O seu cerebro aínda non está preparado para anticipar a longo prazo coma o noso.
A súa vivencia é emocional e presente: o que senten no momento pesa moitísimo máis que o que “se supón que debería pasar”.
O novo activa incerteza: por moito que lles falemos de o ben que o van pasar, necesitan atravesar a experiencia en primeira persoa para construír seguridade.
Por iso, mentres a persoa adulta espera tranquilidade, organización e mesmo alegría… o neno ou nena pode mostrar choro, resistencia ou cansazo. Non é que algo estea a fallar: é que as súas expectativas e as nosas non falan o mesmo idioma.
A Disciplina Positiva invítanos a baixar da teoría á conexión, lembrándonos que detrás de cada comportamento hai unha necesidade. Cando entendemos que a descoordinación entre expectativas adultas e infantís é normal, deixamos de vivilo como fracaso e empezamos a velo como parte do proceso de adaptación.
🧠 Que ocorre no cerebro infantil?
O cerebro dos nenos e nenas aínda está en pleno desenvolvemento. Lembremos que a cortiza prefrontal —a parte encargada de organizar, planificar, regular e dar perspectiva— non estará madura ata ben entrada a xuventude.
Por iso, cambios tan grandes como empezar o cole ou volver á rutina activan con moita forza a amígdala, que xestiona as alarmas emocionais. De aí veñen as bágoas, a resistencia, os enfados. Non significa que non poidan con iso, senón que precisan unha persoa adulta que sostiña e acompañe mentres o seu sistema nervioso aprende a adaptarse.
🌱 Disciplina Positiva: que esperar (e que non)
A Disciplina Positiva recórdanos que acompañar non é controlar nin sobreprotexer, senón estar presentes con amabilidade e firmeza á vez.
Algunhas ideas prácticas para estes días:
🔸Nomear o que senten: “Vexo que non queres quedar e entendo que che dea medo. A min tamén me custa ás veces enfrontarme ao novo.”
🔸Rituais de despedida: unha frase, un xesto, unha aperta sempre igual e especial. Dan seguridade porque son predecibles.
🔸Pequenas decisións: elixir que merenda levar, que roupa poñer… dálle sensación de control e pertenza.
🔸Validar e alentar: “É difícil, e confío en que pouco a pouco o lograrás.” O alento transmite confianza sen negar a dificultade.
🔸Paciencia co cansazo: os primeiros días adoitan ser esgotadores. Permitir máis descanso, menos plans e máis calma na casa tamén é acompañar.
🌷 E para ti, que acompañas
Ti tamén estás a vivir unha adaptación a un proceso novo. Deixas ao teu peque en mans doutras persoas, reorganizas rutinas, xestionas as túas propias emocións. Quizais te invada a morriña, o medo ou a dúbida de se o estás facendo ben.
Un recordatorio suave:
Non precisas que a primeira semana sexa perfecta.
Non é un fallo ou fracaso se hai bágoas.
A túa presenza e a túa confianza son máis importantes que calquera foto de postal.
Acompañar non significa borrar as emocións difíciles, senón ser o refuxio ao que poden volver cando se desbordan.
✨ Un peche cheo de alento
A primeira semana de cole non é unha meta, é un inicio. Non é un exame que aprobar, senón un camiño que percorrer, con pasos grandes ou pequenos.
O teu peque non precisa que todo saia ben á primeira. Precisa que lle mires con confianza e lle lembres, unha e outra vez: “Podes con isto, e eu estou aquí contigo.”
E ti tamén podes con este proceso. Á túa maneira. Ao teu ritmo. Confía en ti.
💬 Como está a ser na túa casa esta primeira semana de cole? Máis ilusión, máis nervios, un pouco de todo? Léemoste con cariño 🌻





Comments