top of page

🧡“Límites que son apertas”🫂


ree



A palabra límite soe soar dura ou fría, ás veces incluso esperta en nós rexeitamento porque a asociamos coa rixidez ou o castigo. Pero dende a Disciplina Positiva, os límites non son un muro contra o que bater: son unha aperta que contén, un faro que guía e unha mostra de amor que dá seguridade.



🌱 Por que os nenos e nenas precisan límites


Nos primeiros anos de vida, o cerebro infantil aínda está aprendendo a autorregularse. A cortiza prefrontal —a que organiza, planifica e anticipa consecuencias— está en construción. Isto significa que os nenos e nenas non sempre poden frear un impulso, esperar a súa quenda ou calcular riscos.


Aquí é onde os límites cumpren a súa función: sosteñen o que aínda non está maduro, ofrecendo estrutura e previsibilidade. Un límite claro transmite: “podes explorar, pero eu estou aquí para coidarte e marcar ata onde é seguro.”



🧩 O mito da “liberdade total”


A miúdo créese que a Disciplina Positiva consiste en deixar que os nenos e nenas fagan o que queiran, sen normas nin estrutura. Nada máis lonxe da realidade.


A confusión nace porque falamos de respecto, amabilidade e conexión. E algunhas persoas interpretan que respectar é ceder sempre ou que validar as emocións é permitir calquera conduta.


Pero validar non significa permitilo todo. A Disciplina Positiva é equilibrio: ofrecer agarimo e ao mesmo tempo marcar os límites que coidan.


👉 Sen límites, os nenos e nenas séntense inseguros, porque o mundo vólvese caótico e imprevisible, insostíbel.

👉 Con límites ríxidos ou impostos con dureza, séntense anulados, desconectados ou invalidados como persoas.

👉 Con límites firmes e amables, séntense coidados e acompañados: “podo enfadarme, podo chorar, pero hai alguén que me sostén e me guía.”



🧡 Amabilidade e firmeza á vez


Na Disciplina Positiva falamos da unión destes dous ingredientes:

Amabilidade para recoñecer o que senten (“entendo que queiras seguir xogando”).

Firmeza para soster a norma con agarimo (“e agora tócase ir durmir, mañá seguimos”).


Non se trata de negociar eternamente nin de impor con dureza. Trátase de comunicar que o límite existe, pero que non o atravesan sós ou soas, senón acompañados.



✨ Ideas prácticas para o día a día


🔸Rutinas como límites naturais: cando unha acción se repite cada día (lavarse os dentes, gardar xoguetes, preparar a mochila), deixa de ser unha loita e convértese nun hábito do que gozar.

🔸Ofrecer eleccións dentro do límite: “Temos que lavarnos os dentes, queres empezar ti ou queres que empece eu por ti?”

🔸Nomear a emoción e manter o límite: “Vexo que che enfada apagar a tele, é normal. E agora apagámola porque é hora de cear.”

🔸Coherencia entre persoas adultas: os límites son máis seguros cando se sosteñen de forma conxunta e previsíbel.

🔸Revisar os nosos propios límites: tamén é válido recoñecer que ás veces nos custa sosterlos por cansazo, culpa ou présa. Ser consciente diso axúdanos a escoller mellor como poñelos.



🌷 Un recordatorio para ti, que acompañas


Poñer límites non significa ser fría ou dura. Significa estar presente, mirar con tenrura e transmitir confianza no medio da frustración do teu peque. Claro que chegará a frustración propia, pero lembra que os límites axudaranlles a medrar.


Os límites ensínanlles que o mundo e as persoas teñen bordos, pero dentro deses bordos sempre hai amor, conexión e pertenza.


Porque ao final, un límite ben posto é outra maneira de dicir: “coido de ti, podes confiar.”



💬 Como se viven na túa casa os límites do día a día? Hai algún que custe máis? Léemoste con cariño 🌻

 
 
 

Comments


Rúa Angel Llanos, 14

Coia, 36209 Vigo, Pontevedra

886 30 98 56

  • instagram-new (1)
  • twitterx--v2

Horario

De luns a venres:

De 10:00 a 14:00

e as 15:30 h. ás 19:30 h.

Sábado:

Contacontos ao aire libre gratuíto | 11:30

Firma-logos-MAIV-2025-24-25-blanco.png

© 2025 Creado por el Programa de Empleo MAIV Garantía Xuvenil 2024

Esta empresa foi beneficiaria das Axudas do Programa EMEGA:
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea co obxectivo de fomentar o emprendemento feminino en Galicia

si429a_modelo_cartel_fse_3_page-0001.jpg
bottom of page