🌼 Separacións e reencontros: pequenos rituais que sosteñen
- Mi Rincón Favorito
- Sep 15
- 3 min read

Co comezo da escola infantil, o cole e as novas rutinas, cada día empeza e remata con dous momentos moi relevantes cargados de emoción: a despedida pola mañá e o reencontro pola tarde.
Ás veces son rápidos e serenos, outras veces con bágoas ou presas. Pero, máis alá de como se vexan desde fóra ou de como o vivamos as persoas adultas, para os nenos e nenas estes micro-momentos son auténticos piares de seguridade emocional.
🧠 O que ocorre no cerebro infantil
Cando un peque se separa da súa figura de referencia, involuntariamente o seu sistema nervioso actívase: a amígdala detecta a separación como unha posible ameaza e acéndese a alarma emocional. Por iso aparecen choros, resistencia, ou ese “non quero ir”. É o que chamamos ansiedade por separación.
O que lles calma non é tanto a lóxica de “vai estar todo ben” como a experiencia repetida e constante de que:
Ao separarme, sigo seguro ou segura.
Ao reencontrarme, volvo sentirme na casa.
Cada separación e cada reencontro son un adestramento emocional en confianza e regulación para as familias.
🌱 A mirada da Disciplina Positiva
Na teoría da Disciplina Positiva falamos de amabilidade e firmeza ao mesmo tempo:
Amabilidade para validar o que senten (“entendo que che dea medo separarte”).
Firmeza para soster a rutina con seguridade (“e agora tócache entrar na clase, aquí está a túa profe que te vai coidar”).
Non se trata de alongar eternamente o adeus, nin de facelo frío e distante. Trátase de ritualizalo para que se converta nunha ponte segura entre dous mundos: o da casa e o da escola. Un momento previsible.
✨ Ideas prácticas para despedidas e reencuentros
🔸 Un ritual breve e previsible: unha canción curta, un xesto coa man, unha aperta especial. Sempre igual, sempre curto. A previsibilidade dá calma.
🔸 Nomear a emoción: “Dáche pena que marche, e é normal. Enténdote.” Validar calma máis que negar ou distraer.
🔸 Confiar diante deles/as: transmitir seguridade na escola e nas persoas adultas que lles agardan. Os nenos e nenas len máis as nosas emocións que as nosas palabras, aquí entran en xogo as neuronas espello.
🔸 O reencontro importa tanto coma a despedida: gardar o móbil, ofrecer unha mirada á súa altura e os brazos primeiro, preguntar despois. A mensaxe é: “Aquí estou, estaba a esperar por ti.”
🔸 Celebrar o reencontro sen exames: no canto de “que tal che foi?”, algo como “que ledicia volver a verte” reforza a conexión sen presión.
Lembra: primeiro a conexión, despois xa chegará a información.
🌷 E para ti, que acompañas
As separacións tamén removen moito nas familias. Pode doer deixarlles chorando, ou pode que sintas culpa ou medo de que non o pasen ben.
Un recordatorio suave: acompañar non é evitar o pranto, é sostelo con confianza. Cada vez que volves, estás a ensinar que a separación non rompe o vínculo, que sempre chega o reencontro.
E tamén ti precisas o teu propio ritual: unha respiración profunda, un café tranquilo, un recordatorio de que o estás a facer ben. Porque o fas o mellor que podes.
✨ Os “ola” e os “adeus” do día a día non son detalles pequenos: son áncoras emocionais que ensinan a confiar en que as despedidas doen un pouquiño, pero os reencontros sempre chegan.
💬 Como son na túa casa as despedidas e os reencontros? Tedes algún ritual especial? Lémosvos con agarimo 🌻.





Comments